Historia de Xiradela
No ano 1.980 xúntanse un grupo de amigos e amigas coa finalidade de disfrutar do tempo de lecer. Todos cunha mesma afición: o baile tradicional. Comezan como un grupo de baile, e o 15 de Maio de 1.982 legalízanse como asociación. Nace así a Asociación Xuvenil Xiradela con sesenta socios. A única actividade que se impartía era o baile mais, ó cabo de dous anos súmanse ó baile as actividades de pandeireta, gaita e tambor, co fin de crear un grupo de música tradicional que acompañase ó grupo de baile. Éstas foron as actividades que ofrecía a Asociación nun primeiro momento. Máis tarde coa chegada dun maior número de socios aumentouse a oferta de tempo libre con talleres de: teatro, manualidades, fotografía, arte floral, xadrez, encaixe de bolillos, bailes de salón… aínda que a recuperación do folclore seguía sendo o máis importante para a asociación. A Asociación Xuvenil Xiradela está dirixida por unha Xunta Directiva composta por socios de 18 a 30 anos, característica fundamental de tódalas asociacións xuvenís. A pesares de moitas dificultades seguimos mantendo o noso carácter xuvenil.
A Escola de Baile iníciouse, como se dixo anteriormente, con sesenta rapaces, divididos en grupos segundo a idade, na actualidade conta con máis de douscentos alumnos que forman a canteira do Grupo de Danza, representante da Asociación.
A Escola de Música Tradicional xorde como unha necesidade do Grupo de Danza de ter os seus propios grupos de acompañamento. Deste xeito no ano 1986 créase o Grupo de Pandereteiras e un ano despois o Grupo de Gaiteiros, os dous con carácter estable. Deses dous grupos de música de acompañamento nace o que hoxe é a Escola de Música Tradicional. Na actualidade conta con oitenta alumnos.
A partir do ano 1.984 créase un grupo de investigación folclórica, isto é, a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos ancestros e a súa recuperación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega. A tarefa de investigación do grupo exténdese por diversas zonas da xeografía galega, pero centrouse nun principio en Arteixo e arredores, rastrexouse toda a comarca Bergantiñana, parte da Costa da Morte… Con este traballo preténdese conseguir outro obxetivo fundamental que consiste na divulgación do material recollido e reconstruído. Deste xeito, achegar á xente estes traballos nas súas actuacións, e asegurar a súa perpetuidade na memoria colectiva do noso pobo mediante o ensino ós máis cativos.
O primeiro acto celebrado pola asociación, no ano 1984, foi o Festival de Fin de Curso, donde os alumnos e alumnas das Escolas de Baile e Música Tradicional amosan o aprendido ó longo do curso.
Xiradela organiza diversos actos folclóricos e culturais. Dende o ano 1987 e de xeito contínuo vén celebrando o día da Muiñeira en Arteixo no mes de Xuño. O día da Muiñeira consiste nunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore. Esta celebración tivo unha excelente acollida dende o primeiro ano, nalgunha edición participaron máis de oitocentos bailaríns e bailarinas.
A Asociación celebra dende o ano 2000 o concurso de Música Tradicional no mes de Abril. O acto está dividido en dúas modalidades: Cuartetos de Gaitas e Pandereteir@s. Neste concurso participan nenos e nenas de tódalas idades divididos en categorías. A media de participación anual é de 80 grupos. Este evento é xa unha referencia e un compromiso ineludible no folclore galego.
Nos primeiros anos da década dos noventa leváronse a cabo as Semanas Culturais que consistían en exposicións, conferencias, proxeccións de vídeos e talleres de artesanía específicos dos pobos ós que se lle adicaban.
En relación coas festas tradicionais e costumes do noso pobo xuntámonos para disfrutar do Nadal, Entroido, Noite Meiga e Magosto, deste xeito facemos que participen tódolos socios e simpatizantes. Dende o ano 2005 vimos celebrando a Ruada en Arteixo, coa pretensión de que chegue a ser unha grande festa do folclore e que se consolide como o fixeron o Día da Muiñeira e o Concurso de Música Tradicional.
O Grupo de Danza da Asociación, en representación da mesma, participa nos diversos intercambios, concursos e festivais folclóricos tanto a nivel nacional como internacional. O grupo é o espello no que se miran os nenos e nenas das Escolas. O grupo de Danza está sempre acompañado das Pandereteiras e do Grupo de Gaiteiros. As Pandereteiras constituíronse como grupo chegando a participar en diversos festivais, colaboraron na grabación e nas actuacións en directo de diversos artistas (Carlos Núñez, Dulce Pontes, Erik Marchand). As Cantareiras da Asociación acadaron un éxito importantísimo coa grabación do seu propio disco no ano 2002. Previamente xa colaboraran na grabación de discos de carácter temático.
Isto pretende ser un resumo do traballo realizado pola Asociación Xuvenil Xiradela.